Eira da Lavandeira
Conxunto de 11 hórreos que na súa maioría datan do século XVIII. Agrúpanse nas inmediacións da AC-305, no lugar coñecido como A Lavandeira. Son hórreos do chamado tipo Mahía, de planta rectangular con soleiras de cantaría e tornarratos corridos, sobre muros transversais a modo de soportes e os claros con balaústres de madeira separados por columnas de pedra. Teñen tellado a dúas augas de tella do país, apoiado nunha cornixa e rematados en pináculos e cruces. Están considerados coma as edificacións deste tipo máis importantes de Galicia. O conxunto o completan unha grande praza onde se realizan as festas patronais, así como un lavadoiro, no extremo NW.A denominación dos hórreos é a seguinte: hórreo dos de Rey, hórreo do Corral, hórreo de Lago, hórreo de Esclavitude do Viturro, hórreo de Rial, hórreo de Andrea, hórreo de Vitorio, hórreo de Richalda, hórreo de Ardeira, hórreo de Rivelas e hórreo de Xastre.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla | Paxinas galegas
Brañas de Laíño
Este espazo forma, xunto coas Veigas de Campaña e Cordeiro de Valga, unha das zonas húmidas máis grandes de Galicia, cunha riqueza medioambiental de primeira magnitude, protexida pola Rede Natura 2000 (Sistema Fluvial Ulla-Deza). Teñen unha importante variedade de flora e fauna presentando exemplares en perigo de extinción e endemismos da Península Ibérica como o Emberiza shoeniclus subsp. lusitanica. Nas súas xunqueiras, carrizos e pasteiros nidifican moitas aves como a folosa acuática (Acrocephalus paludicola), a garza, a aguia perdiceira, o gabián, o vichelocrego ou o cardeal. En canto á vexetación atopamos Thalictrum speciosissimun da que só existen dúas citas na provincia da Coruña, Scirpus pungens, variedade de xunco da que apenas quedan exemplares, herba salgueira, ulmaria, lirios, frundio, mentas e diferentes especies de orquídeas.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla | Galicia confidencial
Pazo de Lestrobe
O Pazo de Lestrobe foi construído no século XVI, sendo propiedade do arcebispado compostelán, pero sufriu varias reformas ao longo da historia e pódese clasificar dentro do estilo barroco. No patio de entrada hai unha fonte do século XVIII que constitúe un notable exemplo deste tipo de arquitectura. Consta dunha gran fonte de tres andares coroada pola figura do apóstolo Santiago.Este pazo recibe o nome popular de Pazo do Anxo da Garda por tratarse da advocación da capela, que só se revela cun gracioso campanario que se alza sobre o tellado. O gran edificio presenta planta en U cunha fachada principal longa e completamente simétrica, que consta de porta central e ocos con molduras barrocas.
Fonte de textos e imaxes: Wikipedia |
Hispanianostra
Pazo de Hermida
O Pazo de Hermida son unhas antigas torres de defensa da ría de Arousa onde en 1617 fundouse un morgado.Nesta leira pasou longas tempadas Rosalía de Castro, por ser posesión dos seus tíos e logo do seu curmán.O 26 de marzo de 1930 celebrouse neste pazo o Pacto de Lestrobe. Asistiron unhas 50 persoas acordando a creación da Federación Republicana Galega, para loitar pola autonomía de Galicia e a implantación dun réxime republicano democrático en España. Asistiron entre outros Abad Conde e Casares Quiroga. Era entón dono das torres José Vázquez Batalla.En 1977 restaurouse conservando a arquitectura típica das mansións señoriales do século XVII.
Fonte de textos e imaxes: Castillos de españa | Wikipedia
Igrexa de San Xián de Laíño
A igrexa actual, construída non século XVIII nun estilo barroco, presenta unha nave de planta rectangular e un campanario barroco composto por dous corpos: un cuadrangular, cunha campá no seu interior, e outro octogonal rematado nunha cúpula. No seu interior, destacan tres retablos de alta calidade, encargados en 1764 a Francisco Núñez de Boiro, ocupando as frontes orientais do presbiterio e os brazos do cruceiro. Estes retablos son o Retablo Maior e os laterais da Virxe dos Dolores e o Divino Redentor. Crese que o Retablo Maior, de gran calidade, podería ser obra de Francisco de Lens, sendo un dos mellores retablos barrocos da zona. Unha pedra no muro sur da igrexa leva a data de 1743, que corresponde a unha contratación definitiva de obras, suxerindo que a igrexa se completou en 1745. No cemiterio atópase a tumba de Eusebio Lorenzo Baleirón, con versos escritos na súa lápida. Cada decembro, con motivo do certame de poesía que leva o seu nome, realízase unha ofrenda floral na súa honra.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla
Igrexa de San Xoán de Laíño
A igrexa parroquial de San Xoán Bautista de Laíño, construída a partir de 1754, é o resultado da división da parroquia de San Xián de Laíño. Inicialmente encomendada a canteiros de Cimadevila (Boiro), a igrexa reflicte un estilo barroco no exterior e transición ao neoclásico no interior. O nome da nova parroquia foi decidido por sorteio entre os Laíños, resultando em San Xoán para a localidade de abaixo, en referencia á súa posición respecto ao río Ulla.O campanario, de estilo barroco, destaca pola súa elegancia e proporción, e o xardín conta con dúas fontes engadidas nos anos 70 e un cruceiro de orixe incerta. O retablo do altar maior, de estilo neoclásico, inclúe imaxes de San Antonio de Padua e San Roque, así como da Nosa Señora do Carme, patroa dos mariñeiros.O cemiterio da igrexa alberga a tumba de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras, un militante nacionalista e dirixente da UPG asasinado pola policía franquista en 1975.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla
Igrexa de Santa María de Dodro
A igrexa de Santa María de Dodro é unha construción barroca construída durante o século XVIII e ten planta de cruz latina cunha soa nave en dous tramos. O templo foi deseñado polo artista galego Simón Rodríguez en 1719, sendo esta unha das súas primeiras creacións. A capela maior tardou dúas décadas en construírse completamente debido a algúns atrasos.A súa fachada principal presenta un frontón con fendedura triangular coa imaxe da Virxe da Asunción. Exteriormente chama a atención o seu alto campanario no lado dereito da fachada.A igrexa foi reconstruída en parte a principios do século XX e restaurada de novo en 1992 para arranxar a bóveda do tellado e substituír o chan.
Fonte de textos e imaxes: Páxinas galegas
Pozo do Conxeiro (Eiró)
O Pozo do Conxeiro, construído polos veciños de Eiró, servía para empozar o liño cultivado na aldea. Eiró sempre foi unha aldea de grande produción de liño, sementado na Semana Santa na Horta do Liño, no Navaliño ou na Veiga. A importancia do liño era tal que, ao final de xullo, as leiras mostraban unha gran extensión de cor azul escura, semellando unha marea tranquila ou con marusía, confundíndose co devalar do río Ulla ao fondo.Este pozo era usado para afogar o liño durante 9 a 15 días antes de secalo e mazalo. Tamén se usaba para regar as leiras de liño, afiar os fouciños que o cortaban, lavar a roupa feita con ese mesmo liño, xa que o pozo contaba cun lavadoiro. A sombra do carballo centenario do Conxeiro era punto de reunión dos veciños de Eiró mentres afiaban os fouciños e lavaban a roupa. Xunto ao pozo pasa a Corredoira do Pozo, antigo camiño principal de Eiró agora abandonado debido á falta de limpeza e ao desuso, xa que unha pista asfaltada cortou o seu trazado.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla
Petróglifo Bouza Badín
Nun rechán dunha bouza da aba do Monte Carboeiro, a uns 200 metros do lugar de Imo, parroquia de San Xoán de Laíño, atópase a estación do Grupo Galaico da Arte Rupestre máis relevante do Baixo Ulla.Esta grande peneda granítica que sobresae na paisaxe localízase nun monte veciñal en man común, propiedade da Comunidade de Montes da Cruz do Avelán. Configúrase como un miradoiro natural único da bacía do río Ulla e das Brañas de Laíño.Trátase dun afloramento granítico de máis de 50 metros de diámetro conformada por múltiples chanzos de superficies planas e por paredes case verticais nas que se acubillan un total de 14 paneis insculturados con gravados de tipoloxía xeométrica e naturalista.A peneda de Bouza Badín posúe un amplísimo repertorio de gravados, tanto de tipoloxía xeométrica (combinacións de aneis, coviñas, cazoletas, círculos, sucos lineais...) como naturalista (cabalos, cervos e outros cuadrúpedes...). A grande maioría dos motivos insculturados pódense adscribir grosso modo á Idade do Bronce.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla
Hórreo do Arco de Castro
O hórreo aséntase sobre unha gran estrutura de pedra feita a base de perpiaños de granito e que configura unha entrada que remata en arco na parte superior, que os canteiros da zona lle chaman campanel, dando acceso ao patio ou “corral” da vivenda. O tornarratos, de tipo mesa, vai coroando a base do hórreo, e serve de apoio aos cinco pares de columnas da cámara. Esta é totalmente de madeira, cunha faixa central e ao redor de 22 doelas por cada claro.Na parte da zona interior hai unhas escaleiras de pedra para o acceso ás entradas da cámara comunicadas por unha gran lousa de pedra. Leva sobrepenas nos penais, sen adornos no cume, e o teito é de armazón de madeira e vai a dúas augas con tella do país.O hórreo foi restaurado no ano 2020 polo concello de Dodro.
Fonte de textos e imaxes: Patrimonio galego | Concello de Dodro
Cruz do Avelán
Localizado no lugar de Avelán da Cruz, no Monte Padronelo, o cruceiro é un símbolo característico da zona do Barbanza. Feito en granito, ten aproximadamente 4,6 metros de altura por 2,5 metros de ancho. O fuste, de 1,6 metros de altura e 2,1 metros de perímetro, está enriba dun baseamento cuadrangular de tres gradas, sen pedestal. O varal, de sección cadrada, está adornado cos cantos rebaixados, lembrando unha folla de trigo ou centeo nos extremos superior e inferior. Presenta unha inscrición incompleta que data de 1672, indicando a súa construción. Este cruceiro foi descrito polo Pai Sarmiento na súa viaxe a Galicia en 1754 e por Lucas Labrada en 1804, destacando o mal estado da estrada na época. Este cruceiro pode ter sido modificado posteriormente, probablemente cando se creou a parroquia de San Xoán de Laíño no século XVIII.
Fonte de textos e imaxes: Obaixoulla | Paxinasgalegas